14/11/07

Ai se ti calaras!


Xa coñeceredes todos a polémica suscitada pola intervención do rei do Estado español na cumbre latinoamericana.
É realmente sorprendente que esta vergoñenta intervención fora alabada pola inmensa maioría dos meios de "comunicación" (ou cecais sexa máis correcto dicer meios de manipulación) e por case todos os partidos políticos de nivel estatal.
Mesmo a propia anfitriona da cumbre Michelle Bachelet reprendeu ao rei dicéndolle que non interrumpira o diálogo.
Por outra banda sería interesante tamén preguntarse qué lexitimación ten o rei, personificación dunha institución non democrática, para reprender a un presidente elixido en tres ocasións polo seu pobo meiante eleccións democráticas con presenza de observadores internacionais.

Estamos nunha etapa revolta. Xusto cando máis se fan ouvir as críticas do independentismo contra a monarquía española (tamén en Galiza houbo queima de retratos do rei, pero claro, a Galiza aínda non chegaron as cámaras da meseta) viaxa o rei a Ceuta e Melilla onde é recibido por centos de persoas "armadas" con milleiros de bandeiras de España que son portada de todos os xornais. E no meio de todo isto, a saída de ton do rei na cumbre. Todo isto aderezado pola postura belixerante da extrema dereita do PP cara a todo o que ouse pór en entredito a monarquía ou a integridade territorial do Estado xa sexa interna (independentismos e nacionalismos emancipadores) ou externamente (Marrocos e Venezuela).

Estamos a ver, en definitiva, como día a día posturas contrarias á dereita e á monarquía españolas e españolistas son respostadas unicamente con centos de bandeiras en Ceuta e Melilla, posturas belixerantes, saídas de ton e manipulación informativa. Certamente temos un panorama político bastante desalentador que leva ao independentismo a unha situación máis favorábel que nunca ofrecendo a única alternativa realmente democrática á demagoxia españolista que estamos a sofrir.

20/06/07

Orgullosa loita


inspirado, semicopiado e adicado a borjinha pinhor...

Ás veces un ha discernir do grupo,
ás veces un ha de elixir o seu propio camiño...
Ás veces un ha de actuar contra a regra,
mais ao final,
estará orgulloso de ter feito todo segundo a súa vontade.

Pode que caera no camiño,
pode que trabucara moitas cousas,
pode que pecara de idealista,
mais ao final,
estará orgulloso de ter feito todo segundo a súa vontade.

Pode que vira a outros erguerse na conformidade,
pode que perdera moitas cousas,
mais ao final,
estará orgulloso de ter feito todo segundo a súa vontade.

Pode que vira feridos os seus sentimentos,
pode que tivera chorado por eles,
pode que caera desfalecido na loita,
mais ao final,
estará orgulloso de ter feito todo segundo a súa vontade.

Pode que te humillaran compañeiro.
pode que te sentiras só,
mais ao final,
estarás orgulloso de telo feito todo segundo a túa vontade.

Pode que fracasaras
pode que o perderas todo
mais ao final estarás seguro...
Pagou a pena.

Non desfalezas compañeiro
pois ao final,
malia todo,
estarás orgulloso
de ter pensado por ti mesmo
de ter actuado segundo a túa vontade,
de ser ti mesmo,
e de ser que es.

17/06/07

A liberdade imposta.


A creación da plataforma "tan gallego como el gallego" supón a materialización do fascismo lingüístico existente en Galiza.
Nunha situación sociolingüística na que o galego está a perder falantes a unha velocidade vertixinosa -sobre todo entre os máis xoves- o goberno galego aprobou por unanimidade no Parlamento galego (si, o PP tamén!) un decreto que pretende normalizar realmente a situación do galego no ensino non universitario para frear a súa desaparición.
Por este motivo se creou esta plataforma que pretende impedir a entrada en vigor deste decreto aprobado (repito) pola unanimidade do Parlamento galego.
O que que pretende esta plataforma máis ben é que non saia avante o decreto polo cal os alumnos aos que agora mesmo se lle está impondo o castelán teñan resortes xurídicos para frear esa situación de imposición. O máis irónico é que precisamente este decreto que supón o cese da imposición españolista é acusado por esta plataforma de impor! Incríbel e vergoñento!
O máis incríbel non é a creación da plataforma como tal senón a postura que manteñen como "defensores da liberdade lingüística", cando en realidade o son da IMPOSICIÓN lingüística do castelán. Isto é; esta plataforma defende a liberdade de eleición de idioma pero só para os castelanfalantes claro, pois en ningún momento se pronunciaron contra o incumplimento do actual decreto que se da nunha altísima porcentaxe de centros públicos e privados e que supón a imposición do castelán como antes citabamos para moitos galegofalantes. Poñen o berro no ceo pola presunta situación de "imposición" (o 50% de materias impartidas en galego en zoas castelanfalantes) que provocará o decreto, pero non falan de que na situación actual no ensino o idioma imposto é o castelán tanto na educación básica coma na obrigatoria, xa que unha meirande parte das asignaturas son impartidas en castelán. E xa non digamos na educación superior na que o galego brilla pola súa ausenza. Por que non protestan contra isto?
Na actualidade a única imposición lingüística que hai en Galiza é a do castelán tanto no eido económico coma no educativo ou no cultural. Porén, o galego é a lingua propia de Galiza polo que en todo caso o lóxico sería que o sistema educativo galego fora integramente nesa lingua.
A existencia desta plataforma -aínda máis tendo en conta a situación crítica do idioma galego- pon de manifesto a escasa autoestima cultural que ten unha (por sorte) pequena minoría do pobo galego, pois o rexeitamento deste decreto supón un avanzo no proceso de desaparición lingüística do galego. Por sorte hai moitas persoas que non están dispostas a permitir a morte da súa lingua e numerosos colectivos se manifestaron en contra de susodita plataforma. Creouse incluso unha web humorística sobre a mesma de onde procede a foto da cabeceira.
Que non nos queiran vender unha liberdade imposta. Porque a liberdade imposta non é liberdade.

14/06/07

O asoballamento lingüístico en Galiza


A lingua é un dos trazos que nos identifica como galegos e co que nos desenvolvemos na nosa vida diaria como tales. Por iso mesmo tamén é un dos factores que máis sufre o imperialismo económico e político que se exerce sobre Galiza. Facto visto por exemplo coa aprobación da Lei de Normalización Lingüística de Galiza que recollía o deber de saber o galego, ponto que foi eliminado nas Cortes españolas malia ser aprobado no Parlamento Galego. Tamén se viu co proxecto de reforma do Estatuto no que se pretendía que figurara este deber coa negativa dos partidos españois (o PP principalmente, cómo non).
Os mecanismos de anulación da identidade galega deron o seu froito. Mecanismos, loxicamente subrepticios como a imposición lingüística en todos os eidos aos rapaces do castelán que propiciou a situación actual na que os xoves son os que menos galego falan. Na escola até a entrada do novo goberno o galego era residual, na televisión continuamente nos asoballan con mensaxes en castelán (quince canles se chegan a coller nalgúns pontos do país en castelán fronte a unha soa en galego), todos os estereotipos que se lle impoñen aos xoves son en castelán, todo o tráfico mercantil é en castelán (a etiqueta dos productos, catálogos de roupa, bancos, móbiles...), en fin, toda a vida que se desenvolve ao redor dos rapaces e adultos é en castelán. A diferenza é que un adulto pode pensar por si mesmo e prantarlle cara a esta situación, mentres que un cativo falará o idioma no que ve a tele, no que manda as mensaxes do móbil, ou no que falan os seus grupos de referencia: castelán.
E malia isto, aínda hai xente que di que dende as institucións públicas galegas imponse o galego, por exemplo, no feito das galescolas. Do que se esquece esa xente é de que no colexio e no instituto apenas se utiliza o galego (malia á LNL incumplida en altísimo porcentaxe de institutos coa complicidade das institucións), xa non digamos nos meios nos que se desenvolven os rapaces dos que antes falabamos (televisión, publicidade, tecnoloxías...). Na universidade temos o dereito de facer os exames en galego, pero quen vai facer un exame en galego cando tivo que estudar absolutamente todo en castelán? É dicer, atopámonos nunha sociedade na que os nosos dereitos linguísticos son unicamente simbólicos pois non teñen aplicación práctica. Cando estaba no instituto e esixía o cumplimento da LNL ríanse de min os profesores (isto non é imposición?), agora na universidade ningunha materia me é impartida no meu idioma. E aínda hai xente que me quere facer crer que se impón o galego?

Un idioma é cultura. É máis ca iso. É o instrumento que utilizaron os nosos pais, avós, bisavós e tataravós para expresar sentimentos. Nun idioma queda plasmado o sentir de todo un pobo. Por iso aos que non lles importa deixar morrer o galego prégolles que abran un chisquiño a mente, que intenten pensar un intre nese idioma e neses sentimentos que lle herdaron os seus antergos, que vaian máis aló da comodidade e da pasividade e que se atrevan a descubrir que hai moitas cousas que aprender e que sentir en galego.

13/06/07

Visión (auto)crítica do movemento antisistema.


O movemento antisistema (capitalista) está composto por multitude de correntes de pensamento: ecoloxismo, antiglobalización, anarquismo, comunismo, nacionalismos emancipadores e un longo etc. Ten polo tanto unha base social ampla que mostra en determinadas datas o seu nivel de autoorganización e confirma a permanencia dos valores contrarios ao capitalismo ou neoliberalismo económico.
O movemento antisistema ten unha grande eiva que é a falta de organización, malia que ás veces, como se demostrou coa cumbre do G-8 mostra unha boa resposta ás esixencias organizativas da loita. A pluralidade de ideoloxías que están en contra do sistema actual fai moi complexa a creación dunha fronte ampla que lle prante cara ao ostracismo social, político e informativo que se lle impón dende as instancias do poder, así, os movementos antisistema son concebidos por moita xente como radicais, marxinais ou de hippies drogadictos. Neste senso vese a incapacidade organizativa que ten este movemento de modo que fai que a súa voz se escoite só en determinados momentos políticos (cumbre G-8) no canto de plantexar un debate constante na sociedade sobre as calamidades do sistema (fame, guerras, pobreza, enfermidades curabeis que provocan milleiros de mortes por falta de meios...) que os meios de comunicación tradicionais tratan de tapar ou, no seu defecto, instrumentalizar interesadamente.
Outra das eivas do movemento antisistema é a forma de loita contra o mesmo. Sobre este tema hai confrontación de opinións dentro do propio movemento o que contribúe aínda máis á disgregación do mesmo. En moitos casos a loita limítase simplemente a levar a vida que cren axeitada asentándose en pobos abandoados e creando a súa propia microestrutura social. É unha forma interesante de loita sobre todo dende un ponto de vista individualista, mais non dende un ponto de vista social pois a invisivilidade informativa destes poboados fai que non teñan relevancia social. Por outra banda está a loita armada contra as institucións do sistema. Esta forma de loita é insostíbel dende diferentes pontos de vista. En primeiro lugar dende un ponto de vista ideolóxico pois non se pode crear unha sociedade libertaria sobre a base da imposición violenta aínda que se poidan producir en certas ocasións tales situacións. Por outra banda dende un ponto de vista económico e político, pois o sistema ten perfectamente artellados os sistemas represivos para evitar isto, e a diferencia de meios económicos deixa ao movemento antisistema nunha posición de absoluta inferioridade. Por último, a forma de loita na que coido que se debe enmarcar o movemento antisistema é unha loita social e dende a base. É dicer, unha loita que se plantexe coma a presenza deste movemento en todos os sectores sociais reivindicando e facendo ver as precariedades do sistema, estudando a procedencia destas precariedades e propondo solucións reais. Neste ponto atópase outra das eivas fundamentais do movemento que é a falta de formación que se da nunha grande parte dos casos aínda que cada vez en menor medida. Así pois, facendolle ver á xente que o que na actualidade move o mundo non é unha órbita gravitacional senón os cartos, e que isto é impermisíbel porque crea unha multitude de miserias sociais inaceptabeis dende todos os pontos de vista. Cando a sociedade se vaia decatando de todo isto, cecais a propia sociedade empece a ser antisistema. Namentres, uns loitando como poden, outros vendo a tele, e outros morrendo de fame. Que lle imos facer, así é o sistema!

08/06/07

O caso Reganosa


Fai pouco tempo comezou a andadura de Reganosa en Mugardos con intensas protestas. Todos os expertos coinciden en que a ubicación da empresa non é a axeitada, mentres algúns colectivos se manifestan pola contaminación que provoca na ría.
Esta situación está sendo aproveitada por diversos sectores políticos para criticar ao BNG. Cómpre lembrar que a autorización para a actual ubicación foi outorgada polo anterior goberno da Xunta de Galiza. Nembargantes, é certo tamén que o Bloque cometeu un acto de irresponsabilidade moi grave ao manter esta ubicación e que pagou eleitoralmente en Ferrol onde parece ser que se atoparía a ubicación máis axeitada (porto exterior). É este un erro propiciado por certos sectores caciquís do BNG que perxudicará gravemente ao nacionalismo e á visión deste partido coma o único realmente ecoloxista na Galiza.
En relación con isto, as protestas contra o BNG que se está levando a cabo dende certos sectores está centrada na suposta contaminación que provoca na ría a empresa. O científico Victoriano Urgorri concedeu unha entrevista á Radio Galega explicando a situación de Reganosa que desacredita por completo estas acusacións:

powered by ODEO
O problema de Reganosa como explica este experto non é a contaminación que produce coma os riscos da súa ubicación.
Aínda que de momento non se sabe cómo rematará este conflito semella que o máis sensato é a súa reubicación no porto exterior de Ferrol. Por outra banda, coido que con esta entrevista quedan anulados os argumentos daqueles que deron a autorización para a ubicación da empresa en Mugardos e que agora procuran sacar rédito político da grave situación que eles mesmos provocaron.
Agardemos que o erro sexa enmendábel e que as organizacións realmente ecoloxistas non instrumentalizadas polo PP acheguen a súa experiencia para acadar unha solución viábel que poña de novo ao BNG na vangarda do ecoloxismo en Galiza.

29/05/07

Os novos rexionalismos galegos


Fai pouco tempo creouse “unha nova vía”: Terra Galega (TEGA), un partido que se autoproclamaba “nacionalista” e de “centro”. Algo antes aínda que tamén nos últimos tempos creábase o Partido Galeguista (PG), tamén teóricamente nacionalista.
A creación de ambos partidos pon en evidencia o auxe que está a ter no noso país o rexionalismo. A práctica demagóxica destes partidos pode trabucar a unha grande parte do eleitorado, teñen moi bonitos principios nas webs, “que se a nación galega por aquí ou por aló...”, mais tras este suposto nacionalismo agóchase un rexionalismo ou, máis ben, un autonomismo que en ningún caso cuestiona a situación anormal na que se atopa Galiza no marco constitucional español nen favorece a cultura ou lingua galegas. Non hai máis que ver o cartaz eleitoral do PG n´A Coruña: “nos gusta La Coruña”, non só non está en galego senón que incumple o Estatuto de Galiza e a LNL pondo o topónimo d´A Coruña en castelán. Semellante ocorre con TEGA que ten os cartaces en galego mais os panfletos e os programas en castelán. É lamentábel ver como os partidos españois se esforzan por usar o noso idioma mentres os partidos “nacionalistas” que son precisamente os que deberían pular por el non só non o utilizan senon que non o respectan.
Porén disto apréciase tamén no BNG unha deriva cada vez máis rexionalista e centrista que nos obriga a preguntarnos cara a ónde se dirixe o nacionalismo galego e Galiza. Hai nembargantes dentro do BNG colectivos que están a denunciar esta situación e procurando invertila dende o seo do partido, tanto nas súas xuventudes (Galiza Nova) coma no propio partido. Polo que parece polo dagora a única saída posíbel para o eleitorado nacionalista e independentista.
Mais aló da deriva do BNG está claro que estes novos rexionalistas non presentan unha alternativa sólida para a defensa do noso país e a consecución da independencia nacional.

13/05/07

Desartellando ao españolismo II: identidade


"Si Galicia es una nación, entonces mi pueblo también es una nación. Si Galicia se independizara luego todo el mundo querría independizarse"

Nación é unha comunidade historicamente formada por hábitos sicolóxicos, sociolóxicos, e políticos, dotada dunha lingua propia e unha estrutura económica determinada cunha tradición e bagaxe cultural común e formada dun territorio propio. Está claro que Galiza encaixa á perfeción nesta definición, mais a linguaxe non é perfecta e o de nación é un termo subxectivo polo que non pretendo concluír a veracidade desta afirmación negando todas as demáis. Para cada persoa a nación é unha cousa, a túa nación pode ser o teu grupo de amigos, a túa familia ou o teu bairro, e ninguén pode dicer que non é correcto.
Mais dende o ponto de vista político cecais sexa este o concepto de nación máis atinado. Unha nación éo pola vontade dos seus cidadáns de conformarse como país, e polo tanto, Galiza é unha nación.
O españolismo pode agocharse no feito de que o BNG, o partido nacionalista galego de maior base social non é maioritario e polo tanto o pobo non ten esa vontade de conformarse como país. Mais que un partido nacionalista non sexa maioritario non quere dicer que o pobo non teña efectivamente esa conciencia nacional.
No sique de todos os galegos (ou case todos) está a idea de Galiza coma país aínda que isto non se reflicta eleitoralmente xa que aínda que sexamos unha nación, cada cal pode sentirse a gusto nun marco político determinado. Quero dicer, que a idea da nación galega pode tela tanto un independentista que pense que o mellor marco político é o dun Estado propio coma un autonomista que aínda que consciente de que o seu país é Galiza, atópase cómodo no marco autonómico. Para ilustrar esta idea gústame o exemplo do "velliño pepeiro" que cando vai á baiuca pide "queixo do país" (de que país?: de Galiza). Non é nacionalista nin independentista pero considera a Galiza o seu país e pode votar PP ou calquera outro partido español. En relación con isto cómpre sinalar que cando a aprobación do estatuto do 81 todos os partidos políticos de Galiza se referían a Galiza como país. Este feito está documentado polos propios meios de comunicación españois (Galicia na transición: TVE). Mais á dereita española foi derivando cara a un centralismo radical que incluso nega as nacións do Estado por medo á capacidade que delas poida abrollar para reclamar procesos autodeterministas que serían daquela totalmente lexítimos. Pódese dicer que o españolismo para non ter que enfrontarse a un debate aberto sobre autodeterminación optou simplemente por negar a identidade das nacións do Estado, que é a postura máis cómoda mais tamén a máis agresiva.
Polo tanto, non debemos ter medo de chamar as cousas polo seu nome. Se Galiza é unha nación éo e non hai máis volta de folla. O marco político no que se queira democráticamente inserir xa é outro tema.

Socialismo e cristianismo


Socialismo e cristianismo son dous termos que, segundo a miña opinión, teñen moito en común. Dende a Igrexa móstrase unha visión moitas veces terxiversada do verdadeiro cristianismo, facto este denunciado en numerosas ocasións pola chamada "teoloxía da liberación"; corrente cristiana que procura un maior achegamento ás bases do cristianismo fronte ao afastamento progresivo que caracteriza o devir da Igrexa católica oficial.
O cristianismo baséase no compoñente social. Cristo viviu para os máis desfavorecidos e na defensa dos pobres. Xesucristo foi o primeiro comunista (mandou aos seus discípulos que vendesen todo o que tiñan para poñelo en común) e o primeiro anticapitalista (botou aos xudíos que estaban facendo negocio no templo).
Aínda que a teoría marxista ten un claro compoñente ateo (materialismo dialéctico), é perfectamente compatíbel no terreo práctico a conxunción do socialismo e o cristianismo. Coido de feito que ambos deberían loitar da man pois o obxectivo de ambos é o mesmo: conquerir unha sociedade igualitaria e xusta. Incluso os medios son comúns: a propiedade pública dos meios de produción.
Por isto coido que os cristiáns non debemos temer ao socialismo e loitar canda el malia o que se nos diga constantemente dende o Vaticano, e coido asemade que o socialismo e o comunismo non deben caer coma en moitas ocasións ao longo da historia no anticlericalismo (que remata derivando no anticristianismo) e camiñar xuntos cara a unha sociedade xusta e igualitaria.

09/05/07

Aznar ao T.P.I.


Fai algún tempo o expresidente do Estado español José María Aznar foi denunciado ante o Tribunal Penal Internacional (TPI) da Haia pola súa “implicación ilegal na guerra do Iraque”. Segundo confirmou a oficina do fiscal a denuncia é conforme ao dereito polo que se abrirá unha comisión para estudar o procesamento deste persoaxe.
As causas que se lle imputan son de crimes de guerra, lesa humanidade e agresión (definida coma uso da forza armada por parte dun Estado contra a soberanía, integridade territorial ou independencia política doutro).
Todo parece indicar que a denuncia non sairá avante xa que hai demasiados intereses e poderes implicados. En primeiro lugar o crime internacional de agresión aínda non está vixente no TPI polo que por mor dunha eiva burocrática quedará ceibe un (presunto) criminal internacional. Por outra banda en primeiro lugar habería que esgotar a xurisdicción española.
A apertura deste proceso podería porén salferir ao Rey como xefe das Forzas Armadas; outro atranco máis para a execución do proceso.
Malia aos atrancos xurídicos que, ao fin e ao cabo, neste sistema sempre benefician ao poderoso, cómpre pór todo o noso esforzo para conquerir que finalmente sente na poltrona dos acusados e vaia á cadea polos crimes e asasinatos cometidos.
A historia escribíana os vencedores cando só había unha pluma. Afortunadamente hoxe escribímola entre todos e Aznar pasará a ela coma un tirano que aínda que non sexa condeado polos xuíces, foi condeado polo pobo.

Nación e territorio


A maioría da poboación galega ten a conciencia de que o noso territorio é o delimitado pola C.A.G. Mais a nación galega non se limita ás fronteiras xurídicas estabelecidas polo Estado español.
Algúns poden acusar esta idea de invento ou acusar ao independentismo de imperialista, o cal demostraría o escaso coñecemento histórico do noso país por parte do emisor de tales ideas.
A Carta Xeográfica elaborada por Domingos Fontán en 1834 incluía a zoa oriental galegófona dos territorios Eo-Navia, Ibias, O Bierzo, Cabreira, e Seabra dentro do territorio galego. Asemade, o primeiro libro do rexurdimento galego foi publicado no Bierzo en 1861 por Antonio Fernández y Morales. En 1931 o Seminario de Estudos Galegos elaborou o “Anteproxecto de Estatuto de Autonomía” no que se recollía que estes territorios poderíanse agregar a Galiza debido aos trazos carácterísticos que compartían. O mesmo recollía o Proxecto de Estatuto que elaborou a Asemblea de Concellos Galegos en 1932. Incluso o Estatuto de Autonomía aprobado polo pobo galego en 1936 recollía esta posibilidade.
Para os que opinen que isto queda moi lonxe, cómpre salientar que o Proxecto de Estatuto elaborado en abril de 1978 (Estatuto dos 16) e máis o Proxecto elaborado pola propia Asemblea de Parlamentares Galegos recollían a posibilidade de agregación destes territorios á C.A.G., mais foi Comisión Constitucional do Parlamento español a que suprimiu esta cláusula. Unha vez máis son as Cortes españolas as que recurtan e anulan os proxectos democráticos (a anexión só se produciría nos territorios que democráticamente así o decidisen) elaborados por e para o pobo galego.
Nos últimos anos continúan as reivindicacións tanto dos galegos “oficiais” coma dos cidadáns deses territorios para permitir a posibilidade de agregación á C.A.G. e que deste modo coincida o territorio nacional co oficial.
Non só por historia, por lingua, por cultura, por hábitos sociolóxicos, sicolóxicos e económicos, por tradicións e por xeografía. Por todo iso: Eo-Navia, Val do Ibias, O Bierzo, Cabreira e Seabra galegos!

Desartellando ao españolismo I: economía




"Galicia no puede independizarse porque son pobres y se convertiría en un país del tercer mundo"


A pobreza da nosa nación é un dos típicos recursos do españolismo para negar o noso lexítimo dereito á autodeterminación. Unha idea (a da pobreza) que é de facto falsa.


Galiza non é un país pobre. Galiza conta con numerosos recursos, apreciabeis ollando a simple vista o noso territorio. Galiza sofreu perante séculos o expolio dos seus recursos -rasgo este característico dos países colonizados-. O máis recente en forma de uso do noso país como moeda de cambio na Europa. Isto é: o Estado español desmantelou os nosos sectores produtivos estratéxicos para receber subvencións que foron a parar, en moitos casos, a outros territorios do Estado, e os que quedaron no país foron empregados para a merca de votos na etapa fraguista; polo que no canto de se desenvolveren novos sectores, Galiza quedou obrigada ao subdesenvolvemento e a dependecia. Isto podería ser chamado sen medo a trabucarnos OPRESIÓN ECONÓMICA.
Noutro senso, os dados aportados ás veces polas institución e polo españolismo non son realmente verídicos. Os impostos que se reflicten nas estatísticas só reflicten os recadados na Galiza mentres que as empresas galegas máis grandes e importantes, precisamente por ese feito,teñen a súa sede principal en Madrid, e polo tanto, cotizan alí. O mesmo sucede con outras grandes empresas do Estado polo que os dados que se ofrecen neste eido (tributario-empresarial) da provincia de Madrid están en moitos casos inflados irrealmente o que constitúe outro recurso do españolismo de grande utilidade para a intoxicación da sociedade.
Por outra banda, cómpre preguntarse qué faría España sen a enerxía galega. Xa que a parte de ser este un sector estratéxico e de importancia fundamental en calquera economía, Galiza exporta a España sen nengún tipo de contraprestación económica, xa que os cartos desta enerxía van para a unha empresa privada, que a súa vez vai parar a Madrid.Dahí a importancia que ten para Galiza a reivindicación da INDEPENDENCIA E o SOCIALISMO.